Sistema APG

Para a versión máis actualizada (2003) da clasificación filoxenética das anxiospermas segundo o APG vexa: Sistema de clasificación APG II.

O Sistema de clasificación APG é un moderno sistema de clasificación das anxiospermas publicado en 1998 polo Grupo para a Filoxenia das Anxiospermas (acrónimo APG, do inglés Angiosperm Phylogeny Group) como: An ordinal classification for the families of flowering plants en Annals of the Missouri Botanical Garden, 85:531-553.

Esta primaria clasificación filoxenética foi superada polo Sistema de clasificación APG II, unha actualización publicada en 2003 (e con constantes revisións). Por tanto o que segue ten só valor histórico.

O sistema é infrecuente por estar baseado -sen evidencia completa- no análise cladístico das secuencias do ADN de tres xenes: dous cloroplásticos e un ribosomal. A pesar de que a clasificación se apoia só na evidencia molecular (xenética), os seus grupos constituíntes (clados) tamén proban ser consistentes con outras evidencias non moleculares (por exemplo, a morfoloxía do pole sustenta a separación entre as eudicotiledóneas do resto das dicotiledóneas).

O sistema é algo controvertido nas súas decisións con respecto aos taxons ao nivel familiar, pois fracciona algunhas familias establecidas de outrora, e fusiona certa cantidade doutras familias que se consideraban sen relación algunha.

A clasificación proposta polo APG, caracterízase por non usar plenamente a nomenclatura oficial, xa que non asigna nomes botánicos por encima da categoría taxonómica de orde. Isto implica, que a orde é a categoría máis alta con nome botánico formal (i.e., segundo o Código Internacional de Nomenclatura Botánica). Os grupos xerárquicamente superiores defínense xa non como taxons, senón como clados, pois están entendidos como grupos monofiléticos, e levan nomes tales como: monocotiledóneas, eudicotiledóneas... (inspirados na nomenclatura de taxones preexistentes).


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy